O programa

A idea do programa BOSQUE ATLÁNTICO é dar a coñecer como era orixinalmente ese ecosistema a través de charlas, xogos e roteiros que se desenvolverán no horario lectivo dos centros educativos das Rías Baixas con rapaces a partir dos 8 anos. Para isto  empregaranse como fío conductor as 25 especies de árbores autóctonas, cos valores e singularidades de cada unha delas.

Obxectivos xerais:

  • Espertar no alumnado interese pola natureza para que a vexan como algo valioso.
  • Sensibilizar sobre a importancia de recuperar o bosque atlántico por ser un hábitat moi rico e único.
  • Entender o valor cultural, histórico e identitario da paisaxe e como afecta a nosa calidade de vida.

Obxectivos específicos:

  • Recoñecer as 25 especies de árbores autóctonas.
  • Diferenciar un bosque dunha plantación.
  • Comprender a importancia que teñen as árbores autóctonas no equilibrio ecolóxico así como no sustento da fauna e especialmente das aves.
  • Distinguir algunhas das aves máis interesantes propias do bosque atlántico nunha iniciación á ornitoloxía.
  • Coñecer as especies forestais foráneas máis daniñas para o equilibrio ecolóxico e os riscos que comportan.

Coidamos o que apreciamos e apreciamos o que recoñecemos como propio e, con estas actividades, buscaríase que no medio prazo teñamos unha maioría de poboación sensibilizada con este problema para que cada un dende a súa posición contribúa a recuperar polo menos unha parte do lexendario bosque atlántico das Rías Baixas.